Seminario 3: ROSA VALDIVIA
Mestra de Educación Primaria e licenciada en Ciencias Biolóxicas.
​
Trinta e cinco anos da súa experiencia profesional desenvolveunos no Colexio Príncipe de Asturias, ubicado no Campus da Universidade Autónoma de Madrid e recoñecido polo seu Proxecto de Centro participativo e pola súa metodoloxía baseada en Metodoloxías Activas. Nel ten desempeñado postos de responsabilidade docente e directiva.
​
Participou no deseño do Programa de Educación Ambiental de Madrid, así como no Desenvolvemento Curricular da Área de Coñecemento do Medio da LOXSE.
​
Na actualidade é membro da Xunta Directiva de Acción Educativa, Asociación que desde hai máis de corenta anos é un referente da Renovación Pedagóxica.
​
Forma parte, desde hai máis dunha década, do Grupo La Ciudad de los Niños, sendo desde hai dous anos a súa coordinadora. Este Grupo centra o seu traballo en aspectos relacionados coa cidade , a participación e a autonomía da Infancia na mesma. Como recoñecemento ao traballo de case vinte anos, en 2012 recibiu o Premio ONU-Habitat como Mellor Práctica para mellorar a vida nas cidades.
Proposta
Este seminario propón unha reflexión sobre:
- Condicións que deben darse para que a participación infantil sexa real.
- Papel do adulto neste proceso.
- Cambios que poden producirse no colexio, no barrio, na cidade.
Metodoloxía de traballo: “Con pel de neno”
- Dinámicas participativas: presentación dos asistentes, expectativas sobre este obradoiro, formación de pequenos grupos de discusión.
- Reflexión en pequeno grupo sobre aspectos de interese xurdidos das sesións previas da Bienal, neste obradoiro…
- Comunicación ao resto dos participantes das reflexións de cada grupo (Cada grupo deseñará unha forma de comunicación).
- Posta en común e redacción de conclusións.
En todo o proceso tentaremos dirixir a nosa mirada-lembranza ao neno ou á nena que todos levamos dentro.