Seminario 6: PROXECTOS SOBRE EDUCACIÓN E ARQUITECTURA DE UIA CHILDREN
A Unión Internacional de Arquitectos traballa a través de tres comisións (Educación en Arquitectura, Práctica Profesional e Concursos Internacionais) e unha gran variedade de programas de traballo globais ou rexionais agrupados en seis temáticas: Arquitectura Responsable, Arquitectura e Sociedade, Urbanismo, Hábitat, Identidade Cultural e Infraestruturas.
O programa de traballo UIA Architecture & Children inclúese dentro da temática “Arquitectura e Sociedade”. Desenvolveu a rede de traballo UIA Built Environment que ten como obxectivo axudar a arquitectos e docentes de calquera lugar do mundo a recoñecer que fai que un contorno sexa sostible ou que podemos considerar boa arquitectura. Facer cidades e contornos sostibles é un desafío urxente que implica concienciar a nenos e mozos sobre a importancia da arquitectura. Con este coñecemento serán capaces, como cidadáns adultos, usuarios, clientes e xestores, de influenciar as decisións sociais, políticas e económicas que darán forma ás futuras cidades e contornos.
Aproximadamente 25 membros deste grupo de traballo asistirán ao Encontro de apertura da Bienal e algúns deles compartirán as súas experiencias sobre cidade e infancia neste seminario.
​