Seminario 5: CRISTINA LLORENTE. ARQUITECTIVES.
Cristina Llorente é arquitecta licenciada pola ETSA de Barcelona e diplomada pola UOC no mestrado “Gobierno de la ciudad: derechos ciudadanos y políticas públicas” . Combina unha ampla experiencia en estudios de arquitectura, empresas construtoras e administración pública cunha temperá afección pola educación, a interpretación e a creación narrativa. É desde 2009 socia fundadora de Arquitectives xunto con Pablo Amor, un proxecto onde se ensina aos nenos a ter unha mirada crítica cara ao urbanismo.
De 2012 a 2016 Cristina e Pablo desenvolveron EMaC para centros escolares co obxectivo de estimular o corpo, a mente e a imaxinación do alumno para explorar como se deseñan e constrúen os edificios e as cidades. Desde 2012 representan ao Consejo Superior de Arquitectos de España (CSCAE) no programa de traballo de UIA WP Architecture&Children. Impartiu conferencias, obradoiros, realizou proxectos públicos de arte e xestión cultural en diversas cidades e escribiu artigos en diferentes medios físicos e dixitais sobre temas afíns. Realizaron tamén diversos cursos de formación do profesorado.
En 2014 deseñaron o material didáctico Edu y la mejor casa del mundo que permite a aplicación de diversas materias do currículo educativo a través do xogo. Tamén desenvolveron numerosas intervencións urbanas como 60.40.31, CaaaASA o Imaginario colectivo, así como proxectos de urbanismo participativo como SOLAR, Camino Escolar Seguro en Alcudia, Entornos lúdicos ou Acupuntura urbana.
​
Proposta
En 2016 empezamos a coordinar SOLAR, un proxecto que transformaría solares baleiros en espazos públicos mediante procesos de deseño participativo. A tarde do 12 de xullo, celebramos a súa festa de participación na praza do barrio de La Soledad.
Na praza do barrio de La Soledad non se pode xogar á pelota. O cartel de prohibición e os reproches e ameazas dos veciños (adultos) deixábano ben claro. Eles, os pequenos, achegáronse a preguntar que estabamos facendo, que era tan importante para que nos crésemos con dereito a botalos do espazo público, facendo demoníaco algo tan marabilloso como xogar na rúa. Nós contámoslles que proxectariamos un vídeo, que presentariamos un proxecto, que viría a prensa e que, para compensar tal pseudo-expropiación da praza, convidariámolos a xeado de chocolate. Miráronnos incrédulos e devolvémoslles a mirada, contrariados. Nese mesmo momento entendemos (pode que xa o entenderamos, pero daquela sentímolo con forza) que a participación debe estar presente en cada instante do proceso. Durante o seminario, ensaiaremos como ter máis oídos que mans, como deixar de lado a nosa prepotencia de adultos, e de técnicos, e de políticos, e de medios de comunicación para ESCOITAR e saber entender o que realmente se desexa. Para que, aínda que sexa pouco a pouco, deixemos de pensar que somos mellores ca unha pelota de fútbol.