Seminario 4: AHINITZE ERRASTI. NONDIK.
Socia-fundadora e directora dos proxectos educativos de Nondik, estudio de arquitectura e investigación educativa, compaxina a arquitectura coa docencia universitaria e coa súa tese de doutoramento sobre espazos escolares.
En 2011 termina os seus estudos de arquitectura na cidade de Barcelona na Universidade Politécnica de Cataluña.O seu proxecto fin de carreira foi premiado en 2013 na XI BEAU (Bienal Española de Arquitectura y Urbanismo XI).
Ten traballado en Rotterdam (Holanda) e Tübingen (Alemaña) e participou en diversos concursos internacionais. Tamén colaborou en Svesmi nos proxectos de rehabilitación do sistema bibliotecario de Moscova, Rusia. O seu interese polo mundo da educación na arquitectura, levouna a realizar o Mestrado de Formación do Profesorado de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional.
Na actualidade desenvolve a súa tese de doutoramento sobre a relación entre espazo e pedagoxía no programa de Educación: Escuela, Lengua y Sociedad da Universidade do País Vasco. Paralelamente, combina a dirección de Nondik coa docencia na Universidade de Deusto. No tocante a Nondik, é unha iniciativa que traballa sen ningunha idea preconcebida do resultado final, sendo o proceso parte esencial de cada proxecto e descifrando cales son realmente as preguntas importantes. Estes intereses lévanse a cabo a partir dunha estrutura interdisciplinaria variable para cada proxecto no que o usuario ten papel relevante.
​
Proposta
Aulas, corredores, pupitres fronte a un taboleiro...existen contornos favorables para a participación nos centros escolares? Soñar e inventar novos escenarios para fomentar a creatividade e a comunicación da infancia será o punto de partida do seminario. Desde eses lugares imaxinados, poderemos volver a mirar a educación e reflexionar sobre as metodoloxías de participación infantil que permiten integrarse na escola a través do currículo educativo.