top of page

Seminarios

METODOLOXÍAS DE PARTICIPACIÓN

Venres 11 de maio de 16.30h a 17.45h

 

Actualmente o carácter social da arquitectura incrementou a participación dos usuarios nos espazos que habitan e a súa capacidade de incidencia nos mesmos. Non obstante, a novidade é a recente inclusión da infancia nestes procesos, polo menos dun xeito xeneralizado, malia que tal premisa apareza  recollida na Convención dos Dereitos do Neno desde 1989.

 

A participación da infancia require a miúdo unha metodoloxía específica segundo o seu rango de idade e adoita estar ligada a procesos educativos. Profundar sobre estas metodoloxías e o seu alcance será o obxecto destes seminarios, nos que se busca compartir experiencias, debater puntos de vista e obter conclusións.

 

Algunhas das cuestións a debater serán, entre outras: En que procesos se está a xeneralizar a participación infantil (escolas, patios escolares, espazos de xogo, barrios...)? Están asociados a procesos educativos? Foros concretos coma o Consello Infantil proposto por Tonucci para A Cidade dos nenos, son os máis adecuados para que a infancia e a mocidade opinen da cidade? As metodoloxías deben adaptarse ás diferentes idades ou deben ser universais? Que exemplos exitosos se coñecen sobre o tema?

 

Cada seminario contará cunhas 35 prazas. A elección dos asistentes realizarase xunto coa inscrición ás xornadas de apertura da Bienal. Premendo nos mesmos podes acceder ao currículo das persoas que impartirán os seminarios e ás súas propostas de traballo.

CIDADE E INFANCIA

Sábado 12 de maio de 16.45h a 18.00h

O espazo urbano é inhóspito para a infancia. Aos riscos do tráfico únese a falta de contextos sociais que promovan a sensación de seguridade necesaria para que nenas e nenos recuperen o xogo e o desprazamento autónomo pola cidade. Por primeira vez, o xogo libre infantil sen supervisión adulta desapareceu. Os efectos deste fenómeno, así como a perda de contacto coa Natureza, xa amosan as consecuencias nas primeiras investigacións. Empeza a ser urxente a xeración de estruturas e propostas que recuperen a presenza da infancia nas rúas e acolla as súas necesidades.

 

A Bienal Internacional de Educación en Arquitectura para a Infancia e a Mocidade propón na súa primeira edición traballar co trinomio espazo público-infancia-educación, convertendo a nenas e nenos nos transformadores dos seus espazos. Trátase de escoitar a súa voz para saber que necesitan, que propoñen e para mostrar o compromiso adulto que require o seu dereito ao xogo e á cidade.

 

Este seminario trata de sumar ás propostas infantís as experiencias de equipos e persoas que desenvolveron proxectos xunto a outras disciplinas (arquitectos, urbanistas, xeógrafos, antropólogos, sociólogos...) e debater conxuntamente liñas prioritarias a seguir co obxectivo de mellorar a relación espazo público-infancia.

Algunhas preguntas de partida son: En que aspectos habería que incidir nas cidades para que sexan máis acolledoras para nenas e nenos?  Cales poderían ser as estratexias respecto á mobilidade? E respecto ao espazo público? E respecto aos propios espazos de xogo? Como poden intervir nesta transformación as escolas con proxectos como a transformación do patio escolar ou os camiños escolares? Pode o deseño do espazo favorecer a sensación de seguridade e crear comunidade? Que propostas exitosas poderían servir como referente? Que formas de xestión poderían ser máis axeitadas para incorporar aos propios usuarios ( nenas e nenos)?

Cada seminario contará cunhas 35 prazas. A elección dos asistentes realizarase xunto coa inscrición ás xornadas de apertura da Bienal. Premendo nos mesmos podes acceder ao currículo das persoas que impartirán os seminarios e ás súas propostas de traballo.

© 2018. Web designed by Conjuntos Empáticos.

bottom of page